
Buscando información para facer este traballo sobre a emigración galega, atopeime coa historia dun home que tiña a mesma idade ca min (16 anos) cando emigrou só, cara a Bos Aires. Este home era o irmán da miña bisavoa Sofía.
O rapaz era orfo de pai, e supoño que a familia non estaban a pasar por un bo momento, cando a súa nai, unha viúva de corenta e sete anos e con tres fillos, decide mandar ao seu único varón para Arxentina, en busca dun futuro mellor. Corría o ano 1908 e Avelina, súa nai, ten que acudir ao xuíz para dar permiso a Ramón para emigrar, xa que era menor de idade e non lle estaba permitido por lei.
Ramón emigra para Arxentina no ano 1908 e nunca volverá á súa terra. Avelina e as dúas irmás que lle quedan en Porto do Son, non volverán a velo na súas vidas. El escribe cartas e manda fotos. Vive cunha familia que o adopta como fillo propio, nunca se separará deles, ata a súa morte.
Pasan os anos e as irmás casan. Sofía, a do medio, que era a miña bisavoa ten moitos fillos, e un deles traballa na mariña mercante. É sobriño de Ramón, e nunha das súas viaxes polo mundo chega a Arxentina e vai visitar o seu tío. Será o único da familia que o vexa en persoa despois da viaxe cara a América. Supoño que o encontro sería estraño, aínda que moi emotivo, falarían de moitas cousa: a familia, a vila, os amigos… tempos que quedaron indelebles no recordo de Ramón, e tiveron que marcar toda a súa vida.
Cantas historias, cantas vidas, canto sufrimento… hai cousas que non se poden contar con palabras. Pasarán anos e anos e nos familiares quedará o recordo daquel fillo, daquel irmán, daquel tío, que marchou cara a un mundo que ofrecía moitas oportunidades, pero que en moitos casos trouxo miseria e infelicidade.
Hoxe, cando estou a escribir este traballo, pasaron 111 anos desde que Ramón emigrou e aínda hai alguén que o recorda, que conserva as súas fotos, os seus documentos, a súa historia. Miña avoa, mira para a foto do seu tío e lembra o que contaba súa nai, e eu con este traballo espero que se siga recordando que a emigración é un fenómeno que perdura no tempo, que agora son outros os que veñen cara a España en busca dun futuro mellor, e que nós deberiamos tratalos tan ben coma queremos pensar que foron tratados os nosos devanceiros no novo mundo.
Teresa Iglesias González, 2º BACH B