CONTAMOS A HISTORIA A PARTIR DAS IMAXES
Material elaborado a partir do traballo do EDNL e o departamento de Historia do IES da Pobra do Caramiñal para a actividade: Unha imaxe, unha historia. https://imaxehistoria.wordpress.com/istoe/
Con toda a información recollida sobre a imaxe xa estás en disposición de contar a historia. A continuación, propoñémosche unha serie de recomendacións.
1.- Planificación:
Aspectos da imaxe que me levan a contar a historia. Escollo os máis interesantes: a historia persoal dos protagonistas, a época que se reflicte, o que están a facer, un edificio emblemático, certas palabras relacionadas coa foto,…
Pode ser una adaptación da historia que a ti che contaron ou unha historia inventada a partir desa realidade, pero intenta en calquera caso que sexa atraente.
Decide logo cal é a intención da escrita que prefires: explicar o que aconteceu, aclarar ou narrar uns feitos.
Consecuentemente, determina que papel e ton tomas ao escribir (cronista obxectivo, narrador protagonista, narrador externo…), a quen te dirixes e como queres que reaccionen os lectores.
Unha vez feito iso, busca un título -aínda que sexa provisional- axeitado.
Organiza as ideas de acordo coas partes básicas do tipo de texto que corresponda (introdución- desenvolvemento- conclusión, no caso dos expositivos; inicio – nó -desenlace, para os narrativos).
Escribe xa o contido básico da historia de maneira esquemática.
2.- Redacción:
Revisa antes a información da que dispós e as escollas e bosquexos previos. Ten en conta as partes características do tipo de texto, aínda que sexa para varialas. E considera a necesidade de incorporar algún fragmento descritivo.
Escribe e reescribe todo o que precises, logo xa depurarás a historia. Os bos textos non adoitan saír á primeira.
Usa conectores adecuados, especialmente os de temporalidade e orde cronolóxica (antes, despois, en adiante, anteriormente, posteriormente, seguidamente, logo, primeiramente…) e mais os de causalidade (porque, polo tanto, posto que, daquela, en consecuencia, por conseguinte, é por iso que, de xeito que…).
3. Revisión:
Revisa o contido, as ideas e feitos recollidos, a orde na que aparecen, as reaccións que provocas…
Revisa a forma, a extensión e organización dos parágrafos, a correción gramatical, ortográfica, o rexistro lingüístico, a puntuación, as repeticións innecesarias, etc.