Meu tío-avó tivo que emigrar aos barcos holandeses debido á necesidade daquela época. Seus pais eran simples gandeiros e agricultores, e como na súa casa eran unha familia numerosa, composta por 6 irmáns, non se podían permitir moitas cousas así que el decidiu emigrar. Holanda era un país que o atraeu sempre, e dende pequeno tiña ganas de visitalo algunha vez.

Alí había varios homes de San Pedro de Muro que xa emigraran e recomendáranllelo bastante pola cultura que había e pola maneira de vivir de alá, polo cal aí foi. A saída custoulle moito, non é fácil deixar a toda a familia e a túa terra atrás. En Holanda, non se zafaba moito co idioma, xa que el de holandés non entendía precisamente moito. Cóntame sempre que debido a isto a adaptación non foi cousa doada, pero ao cabo dun tempo acostumouse e acabou gustándolle o lugar. Primeiro empezou traballando de camareiro xa que de carpinteiro non encontrara nada, ata que un día atopou unha carpintería na cal si o querían para traballar. El tiña experiencia neste traballo porque en Galicia tiña montado, xunto con dous dos seus irmáns, unha carpintería ao lado da casa, e a el era o que de verdade lle gustaba. Dous anos botou traballando alí, moi contento coa súa vida, e os homes de Holanda, tamén moi contentos con el, ata que un inesperado día un irmán seu morreu, Juan, o pai de meu pai, e con moita dor no corpo regresou a Galicia sen saber se volvería.
Unha vez chegado á casa todo era pena porque o seu irmán morrera moi novo. Meu avó era moi ben querido por toda a aldea e foron unhas semanas duras para todos. Chegou o día e tiña que decidir se volver a Holanda ou quedar na súa terra, e un irmán seu, Manuel, díxolle: “meu irmán, xa perdemos un, por favor non te vaias e queda con nós na casa, na carpintería”. Despois desas palabras déronse un abrazo e entre bágoas prometeulle que xamais volvería a emigrar. Dende aquela traballaron cóbado con cóbado de carpinteiros eles os dous, ata que lle chegou a idade de xubilarse.
A día de hoxe dos seis irmáns, só quedan vivos tres, meu tío-avó e dúas irmás del. Os tres viven en casas distintas, pero por sorte, son veciños, e todas as tardes se reúnen para falar. Así foi como me contaron esta historia.
Rayco Suárez Mayta, 2 Bacharelato B