O SOÑO AMERICANO COMEZOU NO SUR

A meus tíos tocoulles namorarse nunha época na que facer plans de futuro non era tarefa  doada. Os dous eran nenos durante a guerra civil e posguerra. A súa mocidade transcorreu nos anos máis duros do franquismo. Daquela xa moitos emigraran por motivos económicos e políticos, na maior parte a Arxentina  e había un efecto chamada a parentes e amigos.

Arxentina era un país rico, que xa dende a época colonial lle abriu as portas a españois e italianos pola súa afinidade cultural, política e incluso étnica.

O tío Manolo recibiu ese efecto chamada por parte dun familiar que xa se establecera alá había anos. Tiña para el un traballo de camareiro (alá chámase “mesonero”),  ben remunerado  esperando, pero non por moito tempo.

En Galicia traballaba no campo ou no mar pero o que gañaba só chegaba para subsistir. Non lle fixo falta pensalo moito pero tiña que partir de inmediato. Meus tíos estaban solteiros e amañar os papeis, a viaxe e unha voda en días, era imposible. El non quería irse sen María. Non lle entraba na cabeza un futuro alá sen ela. Pensaron  en casar alá unha vez establecidos mais meu bisavó negouse de maneira rotunda. Daquela unha moza nova viaxando solteira cun mozo era pouco máis ca unha deshonra. As palabras textuais de meu bisavó foron: “aquí María ten un pai e unha familia que responda por ela. Quen ten alá se non compres con ela? Ela non sae da casa solteira por moita estima que che teña”.

Ao final a solución foi casar por poderes; unha práctica moi habitual daquela. Miña tía foi á igrexa vestida de noiva da man de seu pai e casou con el; e ao outro lado do océano casou meu tío cunha parente que tiña alá.

O momento máis duro foi a despedida. Meu bisavó e os irmáns levárona ao porto de Vigo. A bisavoa Áurea non puido ir. Estaba desfeita pola dor. Para ela era unha despedida para sempre case comparable a unha morte, pois os que emigraban a Bos Aires non volvían. Sabía que ía ter noticias dela por carta e pouco máis. Foi moi duro.

O soño americano 1

Miña avoa Lela era a súa irmá e contaba que cando a despediu no peirao sentía que afogaba; tanto lle oprimía o peito que non podía respirar. A tía era máis ca unha irmá (leváballe menos de dous anos), eran amigas e confidentes. Contaba que a tía María levaba posto ese día un abrigo de pano que súa nai lle fixera na costureira para a viaxe. Antes de subir pola escala quitouno e púxollo nos ombreiros á irmá. Díxolle que quería que o tivera ela. Ante a negativa de miña avoa ela díxolle “non ves que alá é verán”.

O barco que a levou chamábase “Alberto Dodero”. A cuberta era unha prolongación de Galicia. Nel viaxaron galegos anónimos e outros famosos coma o pintor Jorge Castillo Casalderrey.

Meus tíos establecéronse na capital coma a maioría dos emigrantes. Tiveron dous fillos. Ela non traballou nunca fóra da casa. Se agora é difícil conciliar antes sen familia que che axudara cos nenos era ben complicado. O país acolleunos moi ben. Entre as amizades, tanto deles coma dos nenos, había moitos galegos e italianos por unha simple razón estes colectivos eran máis do dez por cento da poboación.

o soño americano 2

Estiveron sempre moi ligados ao “ Centro Gallego “. Foi o centro civil máis importante do continente americano. Era un referente na medicina, cultura e acción social. Axudou aos galegos con asesoramento sobre todo no momento da chegada. Na súa maternidade naceron varias xeracións de  galegos, entre eles os nosos curmáns.

O seu instituto de cultura publicou libros que en Galicia nunca verían a luz. Tiña teatro  e  sala de exposición de arte.

No plano lúdico organizou romarías e festivais que foron un importantísimo nexo de unión dos galegos coa nosa cultura e raíces.

o soño americano 3

Os tíos progresaron. El deixou o primeiro traballo e comprou cos aforros un reparto de leite. Quería ser o seu propio xefe. Repartía cun coche de cabalos  leite fresco nos barrios da capital. Cos aforros dese traballo entrou de socio con outros tres galegos nun restaurante, chamárono” El Reloj “. Eses anos foron de  moito traballo pero tamén moi proveitosos. O negocio tiña tres plantas e máis de sesenta empregados. Por ali  pasaron autoridades do mundo da política coma o presidente Alfonsín ou do espectáculo coma Frank Sinatra.

o soño americano 4

Bos Aires era a capital máis parecida ás grandes cidades europeas coma París. Abondaban os teatros e cines. A cultura para esa cidade era unha forma de vida.

Non todo foi doado, houbo momentos moi duros coma a guerra das Malvinas ou o “corralito “. Tanto os meus familiares coma outros galegos contemplaron a idea de retornar. 

Despois do “ Reloj “ tiveron dous restaurantes máis onde lles axudaron os fillos aínda que eles non seguiron coa hostalería pois, teñen as súas profesións . 

A relación de meus tíos e primos con Galicia é inmellorable. Viaxan con frecuencia aquí.  Agora grazas á tecnoloxía mantemos continuamente contacto.

Alfonsín dixo nunha viaxe a Galicia: “poden estar orgullosos dos galegos de alá, xa que levaron o seu traballo, honradez e xenerosidade. Deixaron alá para sempre a pegada da súa fidalguía e o señorío galegos“.

Meus tíos cumpriron os soños que os levaron a esas terras. Estou segura, que viron superadas as súas expectativas. Para eles o soño americano fíxose realidade no sur. 

Valeria Sampedro Figueira 2º Bacharelato B

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s