En Suíza

Anahí

Nesta imaxe aparece meu pai, José Benito González Godón, emigrado en Suíza. Nun día de traballo no que a neve non lles permitiu continuar a xornada, e decidiron levalo con humor, poñerse a facer parvadas e sacar fotografías para o recordo.

Estivo traballando alá entre os anos 87 e 89. Foi un curto período de tempo xa que el nunca se acostumou a vivir fóra de aquí. Vivía na casa da miña familia materna en Orseño, Nebra, Porto do Son, aínda que nacera en Guiende, unha aldea de Lousame. E despois emigrou esta tempada ao lugar de Monthey, unha vila preto da cidade suíza de Xenebra.

A paisaxe era distinta á de aquí, había moitos ríos e montes, enormes bosques de abetos, grandes lagos (por exemplo o lago Lehman) e cadeas montañosas moi altas (el vivía preto dun gran pico chamado Mont Blanc). Todos os invernos nevaba, aínda que a diferenza de temperatura non era demasiado notable segundo el, pero o clima si que era moito menos húmido polo que se podían permitir construír moitas casas de madeira.

Marchou alí por un soldo maior e un contrato cun posto de traballo mellor. E aínda que non vivía mal e tiña vacacións no mes de xullo e entre decembro e marzo, quixo retornar xa que a súa familia e a súa moza estaban aquí e segundo el dicía : “Suíza non ten máis de bo que os francos “ (moeda de alá).

Tiña alí unha casa unifamiliar para vivir só el, sen pagar e coa única condición de darlle uso, xa que era dun matrimonio que vivía en Xenebra. Meu pai levaba traballando dende os catorce anos como peón de albanel e foi a Suíza con 24 anos, e cun contrato de oficial de primeira para unha empresa chamada Petriccioli. Esta facía casas e chalés, e ás veces era subcontratada pola empresa farmacéutica  Ciba-Geyby (para facer algúns amaños).

A comida era similar á de aquí, pero botaba en falta a caña de herbas ou o marisco, así que levábao sempre que volvía para alá. Ademais os suízos non adoitaban tomar unha sobremesa doce, substituían esta por unhas táboas de queixos. En canto aos costumes, os horarios eran moi diferentes, xa que se levantaban ás 6, a xornada comezaba ás 7 e o xantar sempre era ás 12. Ceaban ás 7 e ían durmir ás 10 ou 11. Algo moi salientable é a diferenza da sociedade de aquí á de ala, que se comporta dun xeito moito máis cívico, xa que absolutamente ninguén tiraba residuos ao chan e se alguén o facía outros individuos encargábanse de dicirlle que o recollese e se non facíano eles mesmos.

Algunhas tradicións eran distintas, xa que non había festas como as dos pobos de aquí. Porén, realizábanse moitas exposicións de produtos artesáns, degustacións de comida, etc. As casas particulares poñían diante da porta os produtos que cultivaban nas súas propias hortas e escribían o prezo de cada un. Logo cada persoa collía o que quería e botaba nunha caixa os cartos que correspondían, sen que ninguén estivese atendendo o “posto”, a sociedade de alá baseábase moito máis na confianza mutua.

Anahí González Mayán 2º Bacharelato A

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s