Xosé o Caroso en Arxentina

Nesta imaxe podemos ver un home vestido de forma elegante. Pode parecer unha fotografía calquera, pero “a nosa” oculta unha interesante historia que merece non ser esquecida e que, en certo modo, tivo lugar en milleiros de fogares galegos. O home de traxe que se ve na imaxe é Xosé, alcumado “O Caroso”, e é a primeira imaxe que enviou á súa dona dende Mar de Plata.

Dolores e Xosé viven actualmente en Bilbao, no País Vasco. Ambos son galegos e cando eran novos emigraron a América. Primeiro Xosé e despois Dolores e os seus fillos. Dolores é irmá do meu bisavó paterno.

Dolores “A Calamona” e Xosé “O Caroso”, ambos galegos e naturais de Caamaño, nados en 1936 casan durante a posguerra.

– “Eu e Xosé eramos mozos desde que eramos nenos. El díxome de casar e claro, non lle ía dicir que non. Casamos en 1956”– conta Dolores rindo.

A súa primeira filla nace en 1957 e ante o pouco traballo que había en Galicia neses tempos e a necesidade de gañar cartos, a única opción factible era a emigración a América.

– “Algúns veciños xa levaban anos emigrados, e as súas mulleres e fillos tamén se ían. Ademais, polo Nadal adoitaban volver a pasar uns días coas familias. Viñan moi ben vestidos e cargados de agasallos; víase a simple vista que alá tiñan que ter un bo traballo e gañar cartos. Aquí a pouca esperanza de encontrar traballo e a necesidade de manter os fillos uníanse e Xosé propúxome a idea de irse a América e unha de dúas, ou pasar fame ou separarse.”– afirma Dolores.

Foi por iso que Xosé marchou “a facer as Américas”. Mercou en correos un billete para a pasaxe e embarcou no porto de Vigo. Apenas puido subir a cuberta, xa que no seu camarote viaxaba moita xente apertada, seguramente por motivos similares ós seus. Tras 6 días de viaxe o barco chegou ao porto de Mar de Plata en Arxentina, alí agardaba Andrés, un home da aldea veciña de Queiruga e amigo da infancia. El fora quen lle falara a Xosé da posibilidade de emigrar a Arxentina nunha viaxe de retorno que fixera a Galicia anos atrás. Ademais, era o primeiro porto no que o barco paraba e alí falábase español.

Instalouse naquela mesma cidade, e traballou de albanel, carpinteiro, etc.

– “O meu home dicía sempre: Sei cantar e sei bailar, tamén sei facer o bobo. Como son fillo de pobre teño que saber facer de todo. Traballou de todo o que lle ofreceran, sempre do que máis cartos lle deran.”-Fala Dolores ríndose.

Xosé encontrou traballo axiña, e pouco a pouco foi aforrando: do soldo que con grandes esforzos conseguía, gardaba unha parte para enviar á casa e aforraba o resto para mercar un terreo no que poder construír un fogar e, asemade, unha nova vida. Despois de catro anos, Xosé conseguiu mercar o terreo e ir construíndo pouco a pouco o seu fogar.

Tras 6 anos sen ver os seus fillos nin a súa muller máis que en fotos enviadas por correo, Xosé conseguiu facer unha nova vida en Arxentina e mercou unha pasaxe para a súa familia.

-“Recordo que me enviou por correo o billete, en clase media. No sobre viña tamén unha carta na que me dicía que tiñamos que baixar en Mar da Plata e que el nos estaría esperando alí. Iso non se me esquecerá nunca, levaba anos sen velo e non coñecía nin os seus fillos. Era máis que unha viaxe, era unha nova vida. Aquí xa non tiña nada, pois a miña vida estaba onde estaba o meu home. Unha vez alá, coa familia asentada, vendemos a meirande parte dos nosos terreos. Así conseguimos rematar a casa de Arxentina.”- Recorda Dolores con morriña.

Chegaron a Arxentina e alí tiveron unha nova vida. Gañaban cartos, tiñan unha casa e non lles faltaba de nada.

– “Non viviamos coma reis, pero estabamos xuntos e non nos faltaba de nada.”- Comenta Dolores.

Moitos anos despois, decidiron retornar a Galicia, os seus fillos xa eran maiores e nada os ataba en Arxentina.

“O soño de todo emigrante é facer fortuna e regresar á súa terra. Tiñamos cartos aforrados e queriamos volver a Galicia, entón decidimos retornar. Iamos regresar para a nosa terriña, e así o fixemos nun comezo. Foi a última vez que estiven en Arxentina, aínda que pasen os anos e os tempos cambien, xamais esquecerei os momentos vividos nin as experiencias.

Estivemos en Caamaño durante tres anos, unha das épocas máis felices da miña vida, xunto co reencontro con Xosé en Mar da Plata, pero unha das miñas fillas casou cun mozo de Bilbao, emigrado tamén en Arxentina. Eles viñeron de volta para España ao casar e foron vivir a Bilbao. Nós decidimos ir para alá tamén. Desde esa aquí estamos.”-Remata Dolores.

Dolores e Xosé retornaron de Arxentina en 1993, deixando alá as súas fillas, pois estas si tiñan alá a súa vida: unha estaba casada e a outra tiña traballo alí. Na actualidade ambas están casadas e teñen fillos, agora todos viven en Bilbao, xuntos de novo.
Lara Martínez Santos 2º Bacharelato B

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s