A travesía da esperanza

https://lh3.googleusercontent.com/n1kmC5DUlWXLSDbgyFysACxp9iQr6f_LRqqY6gCRnoFmzX7kZBNOrhgshDHNRZ0bZzQ4fRYoV6M1xgMHGz6TCPLBAEeGZQR7ghH0Ek362zhMqZIQx_J0aJeujhLkaqNxdpM2fY5J

imaxe que imos analizar, pódese observar unha típica escena de traballo no campo.  En concreto, esta correspondería á celebración da malla. Podemos ver como os seis homes fotografados, levan a cabo tarefas de carácter agrícola-gandeiro. Á esquerda, dous homes transportan un caldeiro de cinc e un tronco de madeira. Á dereita, meu avó materno leva sobre as costas un feixe de palla.

Probablemente, a fotografía foi sacada a finais da década dos 50. Nuns anos de gran desenvolvemento económico e industrial relacionados coa apertura do franquismo ao mercado internacional. A pesar de todo, este crecemento non se fixo notar en Galicia, onde aínda había unha moi precaria situación. Este feito provocou que durante estas décadas e nas posteriores, a emigración seguira a ser un fenómeno común entre os galegos.

Nesta imaxe, non aparecen os irmáns de meu avó, por estaren neses intres emigrados nas Américas (en concreto, na Arxentina).

A fotografía foi tomada na aldea de Ousoño, unha das moitas vilas situadas nas inmediacións do concello de Noia. É un concello situado na comarca do Barbanza que limita xeograficamente con Lousame, Outes e Porto do Son, ademais de lindar con seis parroquias. Era naquela época unha vila que servía de referente aos concellos limítrofes. Destacaba no comercio e tiña feiras de moita sona coma as dos domingos ou a feira de abril. Así mesmo, era un pobo mariñeiro de gran riqueza marisqueira. Nas aldeas a xente vivía fundamentalmente da agricultura e da gandaría. Era no seu conxunto unha zona que tiña bastante importancia comercial.

Os pais do meu avó, chamábanse Luís Pajares Moares e Rosa Luna Romero. Ámbolos dous naceron no ano 1902. Luís e Rosa tiveron 6 fillos, cinco homes e unha muller (esta última faleceu ao pouco de nacer). Os raparigos eran por orde de nacemento: Xosé, ao que sempre chamaron Pepe, nado no 1933; logo está Luís (Liche) nado un ano máis tarde; temos tamén a Ramón (Moncho), que chegou ao mundo en 1936, Xesús (Chucho) en 1939 e finalmente Francisco (Paco) en 1941. A vida deles non foi nada doada, aínda que naquel tempo non o era para case ninguén. Todos eles viviron a Guerra Civil (na súa infancia) e criáronse na posguerra. Canda si levaron sempre a miseria e o sufrimento.

Criáronse e viviron os primeiros anos na casa familiar situada na rúa que une Noia con Santiago, a 3´5Km do pobo. Era unha casa rural sen demasiadas comodidades. Por suposto, non había baño nin aseo, xa que naquel tempo non era habitual. Logo, estaban as cortes dos animais e a horta, onde o bisavó plantou maceiras, ameixeiras, pereiras e moita viña. Nese mesmo lugar, naceu, o 18 de maio de 1939, o pai de miña nai, o avó Xesús. Coñecido como “Chucho da Bota” (alcume da nosa familia).

Durante case toda a súa vida a bisavoa Rosa seguiu no seu traballo de cociñeira. Non viña á casa, vivía no local e só podía visitar á familia uns poucos días no ano. Alí os nenos Pajares Luna foron criados lonxe do agarimo da súa nai. A necesidade obrigábaos a levar esa vida para poder subsistir. A pesar de todo non lles faltou cariño, xa que unha tía solteira da bisavoa foise a vivir con eles e os coidou ata que finou (a avoa dos nenos falecera antes deles nacer). Esta mulleriña era a tía Francisca, unha muller miúda, gastada polo traballo, que tiña moito xenio e que fixo todo canto estivo na súa man para educar a cinco cativos moi seguidiños.

O bisavó marchaba moi cedo para traballar e ía camiñando moitos quilómetros. Levaba un pau ao lombo no que ataba un pano para envolver a comida. Dentro deste levaba unha potiña con algo que levar á boca, sempre en poucas cantidades para que quedase suficiente na casa – un anaco de pan con torresmos, empanada, caldo… e a bota de viño, por suposto. Daba igual que chovera ou que quentara o sol, esa era a súa rutina diaria. Á noite voltaba ao fogar; todo ese sacrificio por dúas pesetas que apenas daban para sobrevivir. Aínda que a actividade principal á que se adicaban el mais aos seus fillos, era o campo, sabemos da existencia doutras actividades tales como a minería que puideron desempeñar con carácter temporal (só podemos facer suposicións, xa que carecemos dos datos precisos para poder afirmalo) (extraían wolframio).

Cando a bisavoa Rosa enfermou (padecía diabetes e principio de párkinson) chimpárona cunha man diante e a outra atrás e a situación económica agravouse, en adiante contarían cun soldo menos. Foi entón cando se barallou a posibilidade de que os fillos máis vellos (Liche, Pepe e Moncho), emigraran para axudar á familia. O destino elixido foi Arxentina, posto que alí residía dende había uns anos o irmán do avó: Xesús. El tiña una pequena empresa de electricidade e fontanería, como os tíos eran moi mañosos aceptounos como aprendices e posteriormente axudantes. A viaxe a Arxentina foi moi dura, tanto emocional como fisicamente. A bisavoa, que agora podía gozar algo da compañía dos fillos, viuse obrigada a separarse de novo deles. Eran case uns rapaces: Pepe con 17 anos, Liche con 16 e Moncho con 14.

Eran principios dos anos 50. Viaxaron moitos días en barco. Eles que só coñecían os arredores de Noia e que quizais foran un par de veces a Santiago, dirixíanse cara a un país descoñecido na súa totalidade (os seus latifundios, o seu churrasco, a maquinaria, a vida social… pouco ou nada tiñan que ver coa vida na Galicia deses anos). Había que botarlle coraxe! Unha vez arrimado o barco a porto, desembarcaron os rapaces cheos de medo e incerteza, pero tamén de ilusións. 

No museo “Do emigrante” en Bos Aires, consérvanse os documentos que dan fe da chegada destes intrépidos irmáns ao porto da capital Arxentina no ano de 1951. 

Alí atopábase un centro de acollida de emigrantes onde levaban aos recentemente chegados para seren rexistrados. 

A primeira noite durmían no porto, nunhas pequenas liteiras apiadas (moi escasas ante o aluvión de persoas que chegaban a diario). Grazas a este documentos, tamén podemos saber, que Luís cumpriu os 17 anos mentres viaxaba no barco e que el, ao igual ca os seus irmáns, partiran do porto de Lisboa e emprenderan a viaxe no barco Giovanna C. 

Baseándome nas referencias aportadas pola miña nai e a miña avoa, sobre o carácter dos meus tíos, podo imaxinarme a estes mozos na súa travesía en barco. Liche, falando con todo o mundo, sen parar quieto e facendo bromas (un emprendedor, xeneroso e inquedo). Pepe, intentando ligar coas mozas máis guapas, ou dicíndolles que ía traballar cun tío seu, importante empresario (soñador, elegante…). Moncho, observando todo calado, e quizais, axudando a algunha persoa maior (home reservado, introvertido e moi familiar).

https://lh5.googleusercontent.com/8HdEO4TuIWbCU0-cFwo0PVzR3cwSvskpTRVEMlAskWp8LiEL4Q3OPhjCSOAeYg9iqGFf3nzt9BcScEKhs01NUDxwvTKR35KLR4GB8YX134ia6z9cBRUcBHaBJ6mAixkX7ShwfF8W

Os primeiros anos no novo país, aínda que cunha calidade de vida favorable, tampouco se podía considerar o paraíso. Foron vivir co tío Xesús e a súa dona Manuela. Traballaban de sol a sol, só pola comida e a cama, o tío en 2 ou 3 anos non lles pagou un peso. 

Nese tempo, xunto co que xa coñecían de electricidade e fontanería, aprenderon mellor o oficio e fixéronse grandes profesionais. Ao non ter cartos, non podían axudar economicamente á familia que deixaran atrás, e sentíanse mal por iso. Cando escribían as cartas para mandar a Galicia sempre se desculpaban cos pais, pero estes últimos dábanse por satisfeitos sabendo que alá tiñan unha vida mellor. Co tempo puideron ir arrimando o ombreiro.

A dona do tío Moncho chamábase María e a súa filla Rosita (en honor á bisavoa Rosa).

Posteriormente independizáronse e formaron a súa propia empresa, onde traballaban os tres irmáns xuntos e tiveron moito éxito. A empresa recibiu o nome de “Los Pajares”. O tío Pepe foi o primeiro en casar, coa moza que tiña en Galicia, unha veciña do lado da casa, a tía Gloria. Ela foise para Arxentina e formaron a súa familia; tiveron dúas fillas: Noly e Carmita. Liche casou con Norma, unha arxentina de orixe italiano, tendo despois tres fillos: Rubén, Bibiana e Gustavo.

Sempre se sentiron moi acollidos polos arxentinos; para eles Arxentina foi a súa segunda Patria. Os tres viviron en Villa María, provincia de Córdoba. A súa nai finou en 1959. Nunca puideron reencontrarse con ela, xa que nas ocasións que posteriormente viñeron a Galicia foi nos 70, 80 e 90. Por fortuna, puideron estar co pai, quen incluso viaxou a Arxentina no 73 xunto co avó Chucho. Foi para el un gran motivo de alegría, pois coñeceu a toda a familia que tiña alí. A súa maior ilusión era coñecer os seus netiños e conseguiuno.

Os tíos de Arxentina finaron nos anos 90, agás Moncho, que finou arredor do 2005. Morreron por problemas cardiovasculares. Na nosa casa sempre din que tiñan demasiado corazón. En canto ao meu avó Chucho e o seu irmán pequeno (Paco), teño que dicir que nunca emigraron. Como dicía o avó da miña nai: “ Alguén ten que quedar na casa para coidar dos vellos”.

Estes homes, integráronse totalmente na sociedade arxentina, asumiron as súas tradicións   (con total naturalidade), pero nunca perderon a súa identidade de galegos. Tiñan por costume falar cos fillos nalgún momento do día en galego, porque querían compartir as raíces coa familia. De feito, na actualidade, a maioría dos meus primos comprenden perfectamente o galego e fálano bastante ben.

https://lh5.googleusercontent.com/gtpDtldsUFaAPDyVdYE_xIBXqcoa2pSrjrOvQaw6D8gn-aanGzyof9qIcESE3f8vNtALn_GL42wOGkoFvA7UTMuW_JynAT6pHLRgE0JJ9Le5Be6v77HfHNHk4n_sqzJxeeh78Ezl Jesús Vázquez Pajares, 2ºBacharelato B

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s