A gran travesía

agrantravesia1A gran travesía

O home das fotos é o meu avó, Francisco López Santos. Na primeira sae facendo a garda de temón na ponte do barco holandés Amsteldiep, que saíu o 14 de xuño do 1965 cargado de trigo de Arxentina con destino a China. A segunda foto está tomada no petroleiro Purmerend, tamén holandés. Nas dúas fotos tiña menos de 35 anos.

Meu avó foi mariñeiro toda a vida, dende os 20 anos, e traballou 13 para unha compañía holandesa (1960-1973). Durante estes 13 anos pasou moi pouco tempo na casa, pois navegou por todo o mundo, levando cargamentos de todo tipo. Embarcou no Bárbara, no Bencomo, que levaba dende froita ata coches e contedores; no Groutekerke, que levaba nitrato de Chile a China; e noutros moitos, chegando a Inglaterra, Alemaña, Canadá, Australia e Xapón. Nin sequera coñecía o inglés, polo que tiña que dicir que non a todo o que lle preguntaban.

Aínda conserva billetes dalgún deses sitios, así como algún xogo de pauíños chineses, cos que me divertía xogando de pequena. Recordo que, cando me dixo de onde os sacara, pensei que era mentira, porque me parecía imposible que o meu avó tivera estado tan lonxe.

Tamén conserva a cartilla de navegación, na cal consultou as datas e os nomes dos barcos que mencionei e que está escrita nun idioma que descoñezo; pero, sobre todo, conserva as postais que lle escribía á miña avoa, ou a miña avoa a el. Unha 

Agrantravesía2

 

das moitas que lin chegou dende Manchester no 62, cando aínda eran mozos; 

outra dende China no 68, cando xa tiñan dous fillos.

 

Irene Santos López, 2º Bacharelato A